Os feitos tiveron lugar sobre as 15,00 horas do pasado domingo, día 26 de xullo, cando un axente da Policía Local de Lugo que se achaba libre de servizo, circulaba no seu vehículo particular pola parroquia de Cuiña e crúzase cunha furgoneta ocupada por un individuo que ocultara a placa de matrícula cun anaco de tea de cor negra.
Inmediatamente dá a volta e procede a perseguir o vehículo, localizándoo nun camiño de terra e á vez que poñía os feitos en coñecemento da Sala de Comunicacións do 092, trata de realizar vixilancia a distancia para observar os movementos do condutor que seguía no interior do coche.
Minutos máis tarde o condutor sae do vehículo e retira o anaco de tea que cubría a matrícula e ao decatarse da presenza do axente inicia a toda velocidade a marcha, deténdose fronte a unha das casas do barrio de Santiago de Saa, alertando a outros dous individuos, que saen correndo do interior, introducíndose no vehículo e fuxindo do lugar a toda velocidade, recoñecendo e identificando o axente ao condutor da furgoneta por intervencións policiais anteriores.
Minutos máis tarde preséntanse axentes uniformados accedendo ao interior da leira, comprobando como a porta de acceso principal a unha vivenda de nova construción e a doutra vivenda máis antiga atópanse forzadas e na leira hai varias ferramentas tiradas no chan, abandonadas polos individuos ao ver frustrado o roubo pola intervención do policía franco de servizo, instruíndose dilixencias para a súa remisión ao Xulgado de Garda.
Fotogafía: Policía Local de Lugo