O Colexio Oficial de Traballo Social (COTSG) vén de poñerse en contacto coa Xunta para poñer a figura profesional do traballo social como “clave” no traballo de rastrexo da covid19. A institución explica que é un traballo que levan desenvolvendo xa “durante vinte anos nas Unidades de Prevención e Control da Tuberculose” desde as que se fai un “censo de contactos”.
Neste sentido desde a institución A Xunta de Goberno alude a que estes profesionais dispoñen de “información privilexiada en canto ao entorno familiar e relacións sociais fai que se poda considerar como o perfil idóneo para levar a cabo o rastrexo”.
Na cuestión de cobertura de prazas indican que “existen traballadores e traballadoras sociais formadas nas listas de contratación temporal do SERGAS con dispoñibilidade para prestar este tipo de servizo, sendo a vía de acceso máis axeitada por garantir igualdade, xustiza e transparencia no acceso”.
Por outra banda, desde o COTSG explican que o colectivo do traballo social é un “coñecedor experto da situación socioeconómica galega, polo que unha estratexia para paliar e reducir os efectos da crise sanitaria e económica pasa, inescusablemente, pola figura do traballo social”.
A Xunta de Goberno do COTSG indica que as e os traballadores sociais xa están a ser rastrexadores noutros lugares como, por exemplo, a Comunidade de Aragón. Engaden que “hai xa moitas compañeiras que están a facer este servizo de rastrexo de xeito informal en coordinación cos profesionais de medicina preventiva en varios concellos”.
A institución explica que esta idea xorde para “dar cobertura á necesidade de poder conter o virus na medida do posible, realizando unha labor de rastrexo con exhaustividade, pero sen esquecer outras habilidades como a empatía e o respecto”. Nesta liña explican que “a localización de contactos é unha tarefa imprescindible desta figura pero require de certos coñecementos e capacidades que entendemos que os/as traballadores/as sociais xa as teñen intrínsecas á súa profesión”.
Desde o COTSG conclúen que as e os traballadores sociais “polo seu dominio e capacidade de mobilización dos recursos da zona de referencia e o seu recoñecemento como figuras de proximidade á cidadanía, sitúanse como pezas claves na resolución da crise que estamos a sufrir”.