O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, mantivo esta mañá un encontro con tódolos mozos da provincia que figuran nas candidaturas populares e que non superan os 31 anos.
Na praza maior lucense, Barreiro puxo en valor o traballo desenvolvido pola agrupación xuvenil ao longo de toda esta lexislatura, unha labor dixo, que foi premiada pola meirande parte dos candidatos da provincia posto que as principais incorporacións nas listas foron de persoas novas.
Durante a xuntanza José Manuel Barreiro destacou: “O PP aposta pola mocidade e a proba está en que gaña presenza nas 67 candidaturas”
E engadiu, “Temos candidaturas como Chantada, Cervantes ou Trabada, que están formadas por persoas de menos de corenta anos”- lembrou Barreiro, quen ve nestes feitos a clara aposta do PP pola mocidade. O presidente provincial manifestou que os mozos son clave para o partido, posto que, ademais de ser o futuro da agrupación, transmiten as inquedanzas, demandas e peticións da xuventude.
Pola súa banda, o presidente provincial de NNXX, Daniel Vega Vega, manifestou que as mozas e os mozos que hoxe pertencen a Novas Xeracións están formados, preparados e cun posto de traballo, polo que deixou claro que se incorporan á política co único obxectivo de servizo público.