CCOO e UXT, sindicatos maioritarios en Correos, denuncian que, “na provincia de Lugo miles de cidadáns/ as que viven no ámbito rural verán recortado o servizo postal durante os meses de verán. A empresa comunicou a decisión de non realizar contratacións para cubrir as vacacións dos traballadores/ as dos servizos rurais e, por iso, os cidadáns/ as que residan nos pequenos municipios recibirán o correo só algún día á semana, cando por lei a empresa debe garantir que o servizo postal se realíce cinco días á semana, de luns a venres, en todo o territorio nacional, sen distinción do lugar onde se resida”.
O recorte en contratación para cubrir as ausencias durante o verán é “case absoluto en todos os centros de traballo. Coa fórmula elixida xérase unha sobrecarga de traballo, polo que a empresa asume que quedarán sen repartir aleatoriamente unhas zonas ou outras, ao resultar imposible chegar a todos os domicilios. No caso dos servizos rurais, a empresa condena a que diariamente queden sen servizo postal municipios enteiros, algo que ademais de deteriorar o servizo que recibe o cidadán/a, neste caso, é unha medida ilegal ao impoñerse aos traballadores/ as sen posibilidade de negociación previa”.
Os dous sindicatos subliñan que “a pesar de que Juan Manuel Serrano, o presidente da compañía, gasta moito diñeiro en campañas publicitarias para vender a súa preocupación polo mundo rural e a España baleirada, a realidade evidencia que o servizo público postal neste ámbito parece non encaixar no proxecto de futuro que está a aplicar”.
CCOO e UXT pediron á empresa que rectifique, e que cubra con contratación todos os servizos rurais, como de feito historicamente sempre se fixo, xa que existe unha obrigación de servizo público que non pode deixar de atenderse.