Onte presentábase en Foz a iniciativa “A Mariña en Ruta”, impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense co apoio de Turismo de Galicia a través dun convenio de colaboración. Á mesma asistiu A delegada territorial en funcións da Xunta, Marta Barreiro.
A iniciativa ten por obxecto contribuír á reactivación turística do xeodestino cun programa de rutas e actividades ao aire libre en torno á cultura e a natureza da zona, que se desenvolverán durante os meses de agosto e setembro. A proposta pretende dar a coñecer a contorna natural, botánica, ornitolóxica, cultural, xeolóxica e arqueolóxica do territorio da man de axentes e guías locais.
Cómpre salientar que, de xeito complementario- a Xunta está a traballar nun plan de reactivación da comarca en colaboración cos diferentes sectores implicados (hostalería, comercio, restauración…) e nos vindeiros días seguiranse a concretar os detalles para a súa posta en marcha.
Entre as liñas de acción figura o aumento do apoio económico da Administración galega ao xeodestino, que se duplicará, así como o proxecto de converter A Mariña nun dos primeiros xeodestinos da Comunidade que conte cun plan de sustentabilidade turística, unha iniciativa na que participan de xeito conxunto Goberno central, autonómico e concellos.