Desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) lanzan a campaña Loc@s por volver, que consiste nun vídeo co que se quere agradecer aos clientes a súa confianza por volver aos locais de hostalería e activar de novo a súa economía.
Os protagonistas desta nova campaña son os propios hostaleiros da provincia, “a través da canción Loca, de Luz Casal. Dende Apehl sinalan que “demostramos unha vez máis a lealdade cara aos nosos clientes, ademais de seguir formándonos en todo tipo de protocolos e manuais de boas prácticas hixiénico-sanitarias para o noso establecemento, co fin de informar en todo momento aos nosos clientes”.
Cheché Real, presidente de Apehl destaca que “debemos perderlle o medo á covid-19, pero nunca o respecto. Agora máis que nunca necesitamos da súa axuda para continuar co noso traballo e reactivar os nosos negocios. Esta é a nosa forma de darlles as grazas”.
O vídeo xa se pode ver nas tres redes sociais da Asociación: E Para Comer Lugo en Facebook, E para comer, Lugo en Twitter, e eparacomerlugo en Instagram, ademais de nas webs apehl.org e eparacomerlugo.com.