In saecula

No ano 81, a omnipresente haxiografía ocupábase de contar historias complementarias dos grandes sucedidos, e sóubose que o daquela príncipe de Asturias, Felipe de Borbón, andaba arredor do seu pai, xogando mentres ao seu arredor se escribía a historia. E como aquel febreiro fora especialmente axitado, con todo tipo de acontecementos políticos, que morrera a súa avoa materna, e a revolución montada o 23F, nun momento dado o príncipe neno exclamou: ¡Jo, que mes!.

“Pasou o que pasou” din os crípticos, cambiamos de ano, e por fin de século… E o novo século resultounos atravesado. Comezando polo incrible ataque ás torres xemelgas, que cambiou a nosa visión do terrorismo e a tranquilidade social, pasando pola brutal crise económica que cambiou o noso xeito de contemplar a propiedade, a empresa, o emprego… ata chegar á imprevisible pandemia que cambiou a nosa perspectiva do traballo, a saúde, a vida.

Se fósemos nenos, aparte de que nos decatariamos de moitos menos detalles agresivos da problemática xeral, sempre poderiamos liberar tensións exclamando en algún momento ¡Ho, que século!. Pero non somos nenos, dámonos conta de todo o malo que nos chove por riba, sabemos que as exclamacións só serven como unha válvula de escape momentánea e que despois de todo o que levamos soportado seguiremos a experimentar sorpresas desagradables ou dificilmente ledas deste tempo que nos fai temer nos momentos máis agobiantes que as dificultades viñeron para quedarse “in saecula seculorum”. E que o mellor que podemos facer é aproveitar as cousas boas e sufrir con paciencia as veleidades dun tempo algo tolo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com