Un home resultou ferido ao caer á ría en Viveiro durante a baixamar. Segundo a información recibida no 112 Galicia, o afectado bateu contra o leito mariño ante a ausencia de auga e recibiu un forte golpe na cabeza.
Ademais, necesitou a axuda dos bombeiros para saír do foso e recibir os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que agardaba en terra o remate da actuación dos bombeiros.
Os feitos sucederon ao fío das oito da tarde de onte na Avenida Ramón Canosa, na localidade lucense. Alí acudiu a dotación do Parque Comarcal de Bombeiros, alertados polo persoal do 112 Galicia despois de recibir na central o aviso dos axentes da Policía Nacional.