Tres novos casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo elevan o número total a 113, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na súa última actualización.
En canto ao número de casos activos por Covid-19 en Galicia é de 1.505, 105 máis que no día de onte; deles 921 son da área da Coruña, 113 da de Lugo, 131 da de Ourense, 75 da de Pontevedra, 139 da área de Vigo, 67 da de Santiago, e 59 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 6 permanecen en UCI, 55 en unidades de hospitalización e 1.444 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.625 persoas curadas, rexistrándose 625 falecementos. O número de PCR realizadas é de 283.781. Na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinala, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Asemade lembran, que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 5 de agosto, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas. Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.