O Concello adianta a este mes a campaña de control de estorniños

O Concello, a través da concellaría de Medio Ambiente, comezou xa este mes a campaña anual de control de estorniños, o que supón iniciala cun mes de antelación a anos anteriores, tras detectarse unha concentración de 35.000 exemplares no Parque da Milagrosa / Frigsa. Tamén se localizou un grupo reducido de aproximadamente 2.000 aves na Avenida Ramón Ferreiro.

O edil de Medio Ambiente, Alvaro Santos, lembra que Frigsa é unha das localizacións historicamente máis afectadas, “na que tentan asentarse os estorniños ao comezo da tempada. Considérase un dos dormideros primarios da cidade para estas aves, aínda que os traballos inclúen outros parques e zonas verdes da cidade afectados tamén pola súa presenza”, sostén.

A campaña adiantouse porque a poboación de estorniño residente (Sturnus unicolor) estaba xa a causar molestias no centro urbano. “Quixemos así  atallar estas primeiras molestias e adiantarnos á chegada da primeira onda de exemplares de estorniño pinto (Sturnus vulgaris) procedentes do centro e norte de Europa, que adoita producirse en setembro e outubro, momento en que as dúas poboacións se unirán e poderán afectar a múltiples zonas verdes por toda a cidade”, aclara Santos, quen apunta que “o obxectivo último do servizo é a mellora da calidade de vida dos cidadáns de Lugo, realizando a xestión das poboacións destas aves para previr e evitar riscos de pragas e garantir a salubridade pública”.

Até o día de hoxe, realizáronse 7 xornadas de traballo destinadas á avaliación inicial, vixilancia e traballos intensivos de control. Para conseguir a expulsión dos grupos de estorniños dos dormideros urbanos, os técnicos especialistas en control de fauna utilizan sistema de sons de alarma fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas e outras técnicas complementarias, co fin de asustar e escorrentar aos estorniños que se atopen durmindo nos mesmos, variando as metodoloxías de control segundo as necesidades do servizo en cada momento e localización, até conseguir a súa expulsión completa ou até minimizar o máximo posible a súa presenza.

Aínda que se está realizado o seguimento dos 24 enclaves catalogados como dormideiros (zonas axardinadas susceptibles de ser utilizadas polas aves como lugar de descanso nocturno), os labores de control centráronse nos dous puntos conflitivos detectados. Sen ben o grupo de Ramón Ferreiro respondeu satisfactoriamente ás medidas aplicadas e foi expulsado fóra da cidade nas primeiras intervencións, os exemplares asentados no Parque da Milagrosa / Frigsa presentaron unha maior resistencia a abandonar a cidade e parte do mesmo tentou burlar aos técnicos e ocupar outros enclaves da cidade, desprazándose momentaneamente ao Parque de Rosalía de Castro e a Praza Maior.

Os técnicos están a intervir actualmente sobre estes pequenos grupos para impedir que pasen a noite na cidade, á vez que van reducindo o groso poboacional do dormidero principal, esperando que nas próximas xornadas a situación quede completamente estabilizada e a cidade quede libre destas aves, ou a súa poboación se limite a grupos de pequena entidade que non causen molestias á cidadanía.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com