O SLG ven de solicitar que se convoquen axudas para os sectores do ovino, caprino e vacún de carne porque seguen desamparados diante da caída de prezos provocada pola Covid-19,
Esta semana “rematou o exiguo prazo de dez días para solicitar as axudas para compensar as perdas provocadas polo confinamento da Covid-19 nos sectores de ovino e caprino. Unha vez máis, tal e como aconteceu co viño, a imposición duns requisitos pensados para outras comunidades autónomas, pero non para Galiza, fixo que o 95% das granxas que podían optar á axuda quedasen fóra”. Dous eran eses requisitos: o primeiro, que a granxa de ovino ou caprino solicitante tivese como mínimo dez reprodutoras. “Aí entraban case 4.000 explotacións galegas. O segundo, que fosen solicitantes das axudas da PAC para o sector, co cal as posibles beneficiadas reducíronse a unhas 200”.
Segundo o SLG as axudas de compensación “deben ser por granxa e que, para calcular o importe que lle correspondería a cada unha, se faga unha estimación a partir da diminución nas vendas neste ano en comparación coas vendas realizadas o ano anterior.
Desmantelamento das oficinas agrarias comarcais
O SLG encontra outro factor negativo o cal non axuda a que os diversos sectores en crise se beneficien de posibles axudas; o desmantelamento da rede de oficinas agrarias comarcais na Galiza, que son as que deberían promover as subvencións e axudar a xestionar a súa tramitación. Porén, hoxe en día o sector ten que recorrer a xestorías e entidades bancarias para pedir axudas tan importantes como as da PAC.