A Consellería de Medio Ambiente ven de emitir un comunicado no que informa da entrega destes novos colectores, “é unha acción que forma parte do chamado Plan Galicia Recicla, impulsado no marco do convenio de colaboración asinado en 2016 entre a Xunta e Ecoembes. Concretamente, o Concello de Outeiro de Rei renovará as súas infraestruturas de recollida de residuos coa incorporación de 33 para envases lixeiros (amarelo) e 10 para papel e cartón (azul)”.
O Plan Galicia Recicla é un conxunto de medidas e actuacións que teñen como obxectivo común fomentar a reciclaxe entre os galegos, lembrando que unha boa maneira de incentivar este tipo de prácticas consiste en dotar tanto aos concellos como aos cidadáns das ferramentas axeitadas.
A concienciación da veciñanza cada vez é maior de cara a reciclaxe, así como “o compromiso medioambiental amosado polo Goberno galego, que se recolle en xestos como a continua mellora da actual rede de contedores”. Destaca o comunicado da consellería.
Coa rede de contedores actuais,”99,8% dos galegos xa ten acceso á recollida selectiva de envases lixeiros e o obxectivo da Xunta é seguir renovando aquelas unidades que o precisen e incrementando os puntos de depósito para facer que este xesto sexa o máis cómodo e fácil posible para os cidadáns”. Remata o escrito.