A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, informou que, en cumprimento coas últimas indicacións sanitarias da Xunta de Galiza, o Cemiterio Municipal de Lugo limitará o seu horario de visitas. Segundo Cristina López, “para cumprir co límite de 25 persoas indicado pola Xunta, limitamos o horario de visita ao cemiterio ás tardes, reservando as mañás para os enterros”.
Segundo a edil de Participación, “para as visitas non será preciso solicitar cita, mais controlarase a cabida do recinto para que non se produzan masificacións”. Ademais, Cristina López lembrou que “para poder acceder ao recinto será obrigatoria a utilización de máscara e a limpeza de mans co xel hidroalcohólico, ademais do cumprimento da distancia interpersoal de seguridade”.