Durante o día 31 de agosto os axentes da Unidade Territorial de Policia de Barrio observaron once incumprimentos das medidas preventivas con motivo do Covid-19, por non facer uso da máscara obrigatoria.
As actas – denuncia foron confeccionadas por infraccións detectadas na Rda. Fontiñas, Rúa San Isidro Labrador, Praza Milagrosa, Avd. Coruña, Camiño Real, Lamas de Prado, Cale Saúde e Rúa Caravel. En dous casos, os presuntos infractores tamén foron denunciados por unha infracción á Lei de Protección de Seguridade Cidadá, por desobediencia aos axentes da autoridade, xa que, a pesar das advertencias dos policías, negábanse a facer uso das máscaras obrigatorias.
Unha das persoas denunciadas atopábase ante a porta de acceso a un establecemento comercial, sen gardar a distancia de seguridade interpersoal coa clientela que accedía ou saía do local; outro suxeito manifestou aos axentes que non a podía poñer porque “me angustia”; noutro dos supostos, o presunto infractor alegou que ía facendo deporte, aínda que os policías comprobaron que camiñaba sobre a beirarrúa, empuxando unha bicicleta; outra das persoas denunciadas dixo vir de casa, onde se esqueceu a máscara, aínda que realmente procedía do interior dun establecemento de hostalería; por último, outro dos suxeitos, que levaba a máscara sobre o queixo, foi inicialmente advertido polos axentes de que debería facer un uso adecuado da mesma, momento no que lla colocou aínda que, ao separarse uns metros dos policías, volveu baixar de novo.