As obras da Ponte Ribeira no Camiño de Santiago en Sarria continuaran paralizadas

A Sección 2ª da Audiencia Provincial de Lugo ven de ditar auto  con data de 7 de maio de 2015 polo que desestima o recurso de apelación que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil interpuxo contra o auto do Xulgado de Instrución de Sarria que decretara a medida cautelar de paralización das obras que afectan á Ponte Ribeira, no marco do Proxecto de Canalización do río Sarria. A Audiencia acepta os fundamentos do auto do Xulgado de Sarria e constata ademais que “ao longo dos traballos existiron afectacións claras, nalgún caso “críticas”, dos elementos que constitúen o obxecto de protección”.

No seo deste procedemento penal iniciado por denuncia da Plataforma Sarriana polo Río, o Xulgado de Sarria acordara mediante auto do pasado 17 de outubro de 2014 a paralización das obras na Ponte Ribeira; a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil interpuxo recurso de reforma contra este auto, pero o xulgado desestimou o recurso por outro auto de 19 de novembro de 2014; novamente recorreu a Confederación mediante recurso de apelación perante a Audiencia, que agora desestima tamén este recurso e confirma a paralización. Contra o auto agora ditado pola Audiencia non cabe ningún recurso. Hai que advertir que o Ministerio Fiscal tamén se opuxo aos recursos interpostos pola Confederación Hidrográfica e solicitou a confirmación da paralización das obras acordada polo Xulgado, nas actuacións que se levan a cabo na Ponte Ribeira, por onde o Camiño de Santiago salva o río Sarria ao seu paso pola vila.

A Plataforma Sarriana polo Río expresa a súa satisfacción por este novo respaldo xudicial ás súas reivindicacións contra o Proxecto de Encanamento e destaca o feito de que só a xustiza parece disposta a protexer o patrimonio histórico-artístico da Ponte Ribeira e do Camiño de Santiago, mentres a Xunta de Galicia e o Concello de Sarria se manteñen instalados na pasividade e abandonan as funcións que teñen legalmente encomendadas.

Por último, diante desta nova confirmación xudicial da paralización das obras da Ponte Ribeira e diante dos graves trastornos que as obras de encanamento están a provocar aos veciños e negocios de Sarria, a Plataforma Sarriana polo Río quere amosar unha vez máis a súa plena disposición ao diálogo para tentar desbloquear esta situación e acadar unha solución consensuada. Con  respecto a isto, recorda que a Plataforma se apresurou a aceptar dende o primeiro momento a oferta de mediación que hai varios meses formulou o Consello da Cultura Galega no seu crítico informe sobre o Plan de Encanamento, oferta de mediación que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil nin sequera se dignou a contestar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com