O goberno municipal de Lugo segue a instalar cadros de telecontrol en diversos puntos da cidade “co fin de monitorizar e telexestionar os consumos, o que permitirá obter resultados medibles que axudarán a implementar novas políticas de xestión máis sostibles e respectuosas seguindo o noso modelo de cidade verde”, indican dende o concello.
Coas últimas instalacións, son xa 23 os equipos de telecontrol que incorporan a plataforma analítica de intelixencia enerxética os que están activos, e están pendentes de colocar 24 máis ata chegar a un total de 47.
Nas vindeiras semanas finalizarán as probas de funcionamento e comezarase a “monitorizar o consumo enerxético medindo factores como a tensión en cada fase, a intensidade, a frecuencia eléctrica, a potencia ou a enerxía activa e reactiva acumulada. Outra das vantaxes deste sistema é que, de existir un consumo alto, poderanse detectar enganches ilegais ou, no caso contrario, problemas de subministro, que se poderán subsanar de xeito moito máis áxil”.
O Lugo Smart City tamén inclúe, entre outros proxectos xa moi avanzados, a implantación completa e integral da Administración Electrónica no Concello, unha plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais ou a instalación de sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores urbanos e rurais, xa instalados.