O proxecto de peonalización da Mosqueira, sae a licitación cun orzamento base de 797.016,93€ e un prazo de realización de 8 meses. “A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira”, anunciou Arroxo.
“Lugo ten a única Muralla romana completa do mundo, un patrimonio da humanidade e temos a obriga como goberno de protexela e potenciala”, lembrou o concelleiro de Mobiliadade, que engadiu “tal como advertiu o Icomos, as vibracións dos vehículos están a causar problemas estruturais ao monumento, polo que unha das liñas de traballo da área de Mobilidade e retirar progresivamente os vehículos da Muralla”.
Estatua de Castelao
Tamén anunciou que na xunta de goberno de hoxe aprobou a compra da estatua coa que o goberno municipal homenaxeará á figura de Castelao no 100 aniversario da revista Nós.
A estatua de Castelao colocarase na rúa da Raíña, fronte do Hotel Méndez Núñez. Neste establecemento tivo lugar a cea posterior á I Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918, na que Castelao estivo presente.