A Concelleira de Xuventude, Ana González Abelleira, anunciou hoxe, o inicio do Arde Lvcvs Cvltvral, que dará comezo o 19 de setembro para acoller dende o mes de setembro ata decembro actividades de inspiración romana e castrexa que animarán á cidade ata o inicio da 20 edición de Arde Lvcvs. “Dende o Concello e as asociacións de recreación histórica do municipio traballamos nunha programación que anunciaremos mensualmente, lúdico cultural, aberta e gratuíta, o Arde Lvcvs Cvltvral, que arrincará o vindeiro sábado, sen esquecer que a primeira premisa debe ser o coidado da saúde dos que queiran participar” destacou a edil. A edil explicou que se chegou a un acordo cas asociacións de trasladar o Arde Lvcvs Cvltvral, habitual nos meses previos ao Arde Lucus a estas datas para respetar as medidas e as restricións que nos foron impostas debido á pandemia causada polo Covid-19. “O Arde Lucus, é unha festa en constante renovación, este ano traballamos de cara a manter viva a súa chama, que non só é un desexo senón unha necesidade para a nosa cidade nestes momentos polo que nos vindeiros días voltaremos a manter entre todos o espírito vivo deste gran festexo” comentou Ana García Abelleira.
Nesta edición contaremos cos paseos por Lugo con Paulo Fabio Máximo e Güidox que guiarán distintos percorridos pola cidade, en concreto pola Muralla, polas Termas Romanas, polo acueduto e polos xacementos arqueolóxicos. Trátase pois, de continuar traballando, por dar a coñecer a historia de Lugo.
En relación ás actividades do mes de setembro organizadas polo Concello de Lugo e as asociacións a concelleira quixo destacar a “implicación das asociacións” para manter as actividades culturais previstas, para, por un lado, manter o espírito e a chama da celebración. “Debemos reiventarnos por unha cuestión anímica, de insuflar optimismo á veciñanza” e quixo agradecer de novo “o gran traballo realizado polas 19 asociacións de recreacións histórica do municipio e a cidadanía en xeral, que se involucran ano tras ano no Arde Lvcvs e no Arde Lvcvs Cvltvral”.