Para Lugo Monumental, “a pasividade do Goberno Local de Lugo ante o gravísimo problema que se creou a veciños e industriais da zona forzou que que se recorra á Valedora do Pobo para pedirlle que medie neste asunto”, o que se fixo mediante a presentación dun informe en que se detalla a situación.
A Asociación non descarta, así mesmo, estudar reclamacións económicas para os negocios afectados, posto que a normativa recolle a posibilidade de indemnizacións polo funcionamento “normal ou anormal” dos servizos públicos.
Lugo Monumental declarou que “Evidentemente todos sabemos que as obras causan molestias e os industriais de Praza e Mercado están dispostos a soportalas unha vez máis, pero o que non se pode tolerar é que ditas molestias non sexan as menores que sexa posible. Que nunha rúa de 10 metros de ancho non se poida habilitar un paso peonil é ridículo, cando si se fixo noutras vías máis estreitas e con restos arqueolóxicos importantes como foi na rúa Doutor Castro”.