Os usuarios de calquera servizo, consumidores, clientes, lectores, persoas do común, estamos sempre expostos a todo tipo de ataques para conseguir de nós traballo, atención ou diñeiro, sen contra prestación, polos medios máis imaxinativos, perseguindo un único fin. E se nos tempos en que as ofertas enganosas nos chegaban de palabra ou por correo, abundaban os escamoteos, xogándose coa inocencia dos destinatarios, agora as agresións adaptáronse á perfección ás novas tecnoloxías.
Hai ofertas perfectamente legais nas que se recorre á picaresca de sempre, con visitas persoas ou chamadas telefónicas para conseguir que nos subscribamos a algo, que contratemos servizos, ou cambiemos de compañía subministradora de telefonía ou electricidade. E logo, as estafas disfrazadas de beneficios extraordinario, parellas ao tocomocho ou calquera outra estafa de hai un século, pero a través de internet, mediante correos electrónicos, cada vez máis convincentes.
Pasaron, ou xa non son tan habituais, aqueles correos que aparentaban proceder dalgún país africano, nos que un persoeiro destacado ofrece relación económica, indicando dispoñer dun importante fondo económico, precisando un enlace en España para legalizar ese fondo a cambio dunha xenerosa porcentaxe. O que ven ser o perfeccionamento da estafa na que un “inocente”, cun faixo de billetes, afirma non saber que facer con aquelas estampas.
Seguen correos de bancos que piden datos que ningún banco pediría, pedidos de todo tipo pensando en empresarios ávidos de negocio, facturas pro forma ou definitivas por servizos innominados agardando que algún incauto caia, ou reclamacións de pequenas débedas na seguridade de que haberá moitos confiados aos que ao reclamarlles unha cantidade modesta paguen para quitarse de encima unha carga ou responsabilidade.
E agora, en orixinal procedemento, sorprendéronme varios correos que se supoñen son cadansúa mensaxe da Axencia Tributaria, chamándome “Estimado contribuínte” e informándome de que “despois do ultimo cálculo sobre as miñas actividades fiscais, decidiron que me corresponde un reembolso de cantidades entre 1.500 e 2.000 €. Nun dos casos, 1.590,56.
A indicación final é que “para recibir ese reembolso”, debo cubrir e mandar un formulario, coa referencia tranquilizadora de que para maior información, pódese acudir á web da “agenciatributaria.es”.
Non sei o que o ocorre a continuación, porque non teño afán aventureiro nin quero avanzar máis do debido, nin sei o que pode ocorrer se un se confía pensando que Facenda anda a devolver o cobrado de máis. É unha estafa, claro, sen dúbida intelixente, que demostra que segue a haber, quizais cada vez máis, xente amiga do alleo que ataca utilizando os medios máis sofisticados para aproveitarse dos confiados; de todos os que cren que a fortuna está ao noso alcance con só mover un dedo.