A directora de cine Paula Cons presenta en Codex ” La isla de las mentiras”

Este domingo día catro de outubro chega unha nova sesión especial a Codex Cinema, a sala de cine de autor de Lugo. Dentro da aposta de Codex Cinema polo cine galego ao longo destes case dous anos de existencia (tempo no que visitaron o espazo Xacio Baño, Diana Toucedo, Óliver Laxe, Xiana do Teixeiro, Eloy Enciso, entre outros) teñen o privilexio de contar coa presenza de Paula Cons, a directora de A Coruña que estrea esta fin de semana a súa nova película La isla de las mentiras, unha gran produción a nivel estatal que conta co apoio da Agadic e a presenza de Nerea Barros e Darío Grandinetti.

O filme conta a historia do naufraxio do vapor Santa Isabel nas costas da illa de Sálvora no ano 1921, onde morreron máis de duascentas persoas que viaxaban camiño da Arxentina para iniciar unha nova vida, un acontecemento que se coñeceu como “o Titanic galego”. A partir deste acontecemento, a película artella unha intriga construída a base de silencios e segredos nunca revelados ao tempo que grazas a un gran traballo de documentación e recreación amosa de forma xenial as formas de vida e as regras sociais da Galicia de hai un século, incidindo especialmente na mirada das mulleres.

Aínda que se trata da primeira longa de ficción de Paula Cons, estamos a falar dunha profesional de gran experiencia no mundo do audiovisual, como escritora, produtora e directora de documentais. Responsable de La batalla desconocida, sobre a batalla polo volframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, Cons tivo que afrontar unha rodaxe realmente dura na illa de Sálvora, sen as instalacións adecuadas para unha rodaxe desta categoría e facendo fronte ao mal tempo e as carrachas, para captar a prodixiosa paisaxe desta marabilla natural da nosa terra. Unha película moi agardada do audiovisual galego que viu interrompida a súa chegada ás salas cinematográficas na pasada primavera por causa da pandemia, e que finalmente se estrea esta fin de semana en Codex Cinema.

Este domingo día 4 o público de Codex Cinema terá a oportunidade de conversar con Paula Cons nas sesións das seis e oito e media da tarde. A proxección do filme estará acompañada dunha presentación e un coloquio coa cineasta, na que será unha nova oportunidade para desfrutar doutra xoia da cinematografía galega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com