A concellaría de Muller, Igualdade e Xuventude que dirixe Ana González Abelleira, vai implementar unha campaña dirixida a mozas e mozos para concienciar sobre o perigo de usar o móbil ao volante. Para presentar a campaña a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto coa propia concelleira recibiu ao famoso humorista e actor galego, Xosé Antonio Touriñán, que será a cara visible da campaña posta en marcha pola área de Xuventude, baixo a denominación+Xti, subvencionado polo Plan Nacional de Drogas, para concienciar á mocidade dos perigos de usar o móbil ao mesmo tempo que se conduce; e ao profesor da USC Antonio Rial, que ademáis participará nos talleres desta mesma campaña. Cada ano, o uso indebido de teléfonos cando se conduce provoca 400 mortes, cifra que, segundo lembrou a alcaldesa, “convirte o uso do smartphone nunha das principais causas de mortalidade na estrada, á altura do exceso de velocidade ou do consumo de alcol”.
O perfil do condutor que adoita utilizar o móbil, o WhatsApp ou mesmo interactuar nas redes sociais mentres se atopa ao volante adoita ser “un mozo de 18 a 24 anos, razón pola que a concellería de Xuventude lanza esta campaña entre a mocidade. As distraccións polo uso do móbil non para de medrar cada ano, estando xa detrás de 1 de cada 3 accidentes de tráfico, provocando máis de 20.000 accidentes”, sostén a edil de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira.
Para concienciar á xente máis nova, a concellería apostou por Xosé Antonio Touriñán, unha figura moi recoñecida e querida que quixo “agradecer que contarades conmigo para aportar un pequeno gran de area en axudar aos máis mozos a que tomen conciencia ao volante”. coa que se pretende chamar a atención deles e que escoiten a súa mensaxe co fin de que se sensibilicen. “É unha campaña pioneira, que queremos que sexa exemplo de boas prácticas para outros concellos para traballar, de xeito humilde pero decidido, en prol dunha prevención integral e na que participe toda a comunidade (nais, pais, profesorado, centros educativos e as veciñas e veciños de Lugo no seu conxunto), segundo a concelleira.
“Unha campaña feita con agarimo e creatividade e que vestirá as marquesinas da nosa cidade dende mañá mesmo ata o Nadal” destacou a edil, ao tempo que explicou que “non son poucos os expertos que advirten con claridade que o uso abusivo das pantallas pode traer consigo serias consecuencias para a saúde, para a convivencia e mesmo para a seguridade viaria”. Integrar de maneira harmónica a tecnoloxía nas nosas vidas é para os que saben disto aínda unha conta pendente, probablemente un dos grandes desafíos que hoxe temos como sociedade.
No estado español, 2 de cada 3 conductores/as recoñece ter enviado mensaxes mentres conduce. Empregar o móbil mentres conducimos pode chegar a multiplicar por 20 o risco de accidente. 10 segundos escribindo un WahtsApp, circulando a 70 km/h equivale a un desprazamento de case 200 metros sen ninguén ao volante. As autoridades sanitarias falan dunha nova adicción que pode ter tráxicas consecuencias, un problema psico-social capaz de matar en segundos.
Nesta campaña, Xuventude tamén deseñou unha serie de talleres. Antonio Rial, explicou que serán “baixo un formato práctico e interactivo, no cal expertos do eido da psicoloxía e a educación compartirán coas familias e co profesorado os seus coñecementos reflexións sobre os grandes desafíos que están a supor as novas adiccións na mocidade e, sobre todo, tentando proporcionar ferramentas e habilidades útiles para a convivencia con esta nova ‘adolescencia conectada’”, destacou o experto.
Esta iniciativa comprende un total de tres talleres que se desenvolverán os días 7, 14 e 22 de outubro, e que abranguerán as seguintes temáticas:
Uso dos videoxogos e as apostas en liña (que constitúen novas formas de ludomanía)
- As conductas de risco na rede e o uso problemático de Internet na adolescencia.
- Consumo de novas sustancias psicoactivas.
Cada taller terá unha duración de 3 horas e desenvolverase (sempre que as condicións sanitarias o permitan) na sala multiusos do edificio CEI-Nodus.
Como complemento aos tres talleres, está previsto un evento final de convivencia lúdico-educativa, conducido por Xosé A. Touriñán, coa participación dos docentes dos talleres, xunto a mozos e mozas, nais e pais e profesorado. Dito evento terá lugar o vindeiro día 26 de novembro no Codex Cinema, sendo a entrada gratuíta, pero quedando o aforo limitado ás eventuais condicións sanitarias.
O programa dos talleres e toda a información relacionada estará dispoñible na web
http://concellodelugo.gal/gl/general-temas/xuventude
Información e inscricións:
O programa dos talleres e toda a información relacionada estará dispoñible na web
http://concellodelugo.gal/gl/general-temas/xuventude
Para inscribirse nos talleres hai que enviar un mail a: maisporti2020@lugo.gal e indicar no ‘asunto’ “Mocidade e novas adiccións” e no corpo do mail:
Nome:
Apelidos:
Profesor ou Familiar: (indicar un)
Nome da Escola ou Instituto:
Taller ou Evento : (marcar un ou más)
Taller 1
Taller 2
Taller 3
Evento final