A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ foi inaugurada no Centro de Interpretación da Mariña, en Foz

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegou este luns, 5 de outubro, ao Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz , onde foi inaugurada coa colaboración co concello focense. Na inauguración interviñeron o Tenente de Alcalde do Concello de Foz, Xavier Fanego; Faustino Cela Carballo, neto de Ricardo Carballo Calero; e Xulio Xiz, Presidente do Colectivo promotor. Estiveron presentes varios membros da Familia Carballo Calero-Ramos, que subliñaron a relación do escritor homenaxeado con Foz, onde pasou en familia os veráns durante moitos anos. Asistiron tamén a esta inauguración, entre outras persoas, o cronista oficial de Foz e fillo predilecto do Concello, Jesús Fernández Fernández; o profesor Bernardo Penabade, amigo da familia Carballo; Ramón Reimunde Noreña, escritor, especialista en Carballo; e o escultor e ceramista Daniel Río Rubal (Caxigueiro). A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita. O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollen opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi. No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicar a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea. A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro e posteriormente na casa habanera de Guitiríz. Superados os maiores rigores da pandemia, esta é a segunda localidade onde se ofrece esta exposición, . Nas vindeiras semanas chegará a centros culturais e concellos de toda Galicia

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com