Unha muller precisou ser excarcerada polos Bombeiros de Lugo despois de que o coche no que circulaba batese contra un camión na N-540, á altura do lugar de Lousada. O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente a través dunha persoa particular uns minutos despois das 13:45 horas.
Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Lugo e de Chantada, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local de Lugo, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo e do servizo de mantemento da vía de circulación.
Atropelo a unha moza
Ademais, unha moza resultou ferida de consideración esta tarde en Burela ao ser atropelada por unha moto na rúa Rosalía de Castro. Os feitos sucederon preto das 14:15 horas e foron varias as persoas particulares que alertaron do suceso ao 112 Galicia.
A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Burela, aos Bombeiros de Barreiros e ao GES de Cervo.