O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, alerta do perigo que supón o vello matadoiro de Lugo, unha infraestrutura que ata hai pouco estaba pechada, pero que, desde hai unhas semanas, ten as súas portas abertas, polo que “calquera pode entrar nestas instalacións desmanteladas e perigosas”.
Antonio Ameijide, que acudiu ao vello matadoiro acompañado do edil Manuel López, explica que recibimos un aviso de que esta propiedade municipal estaba aberta, polo que decidimos comprobar este extremo. “Cando chegamos comprobamos como as cancelas estaban abertas,
algo que foi unha sorpresa, xa que nos últimos anos solicitamos ao goberno local acceso a esta e outras instalacións recibindo unicamente
respostas negativas ou silencios”, explica.
Ao entrar no antigo matadoiro, os perigos son evidentes a simple vista. O edificio leva anos abandonado, “polo que hai un risco evidente de que se produza calquera tipo de desprendemento xa que a vexetación invadiu por completo o lugar, podendo debilitar ou danar a estructura do edificio”. “No interior, a imaxe non é mellor. Unha instalación en moi mal estado e na que se pode entrar sen ningún tipo de control, pese a que o interior está cheo de perigos, como pozos abertos”, sinala. “Do seu interior desapareceu todo o material que había, como a instalación
eléctrica, repostos, cableado para extraer o cobre, motores, fiestras, portas, mobiliario… un material valorado en miles de euros”. Ante esta situación, desde o Grupo Municipal Popular pídese unha actuación parte do Concello de Lugo para recuperar esta instalación, “xa que se lle podería dar algún tipo de uso para evitar o seu deterioro progresivo”. “Estamos seguros de que algún tipo de uso se lle pode dar, polo que instamos ao goberno local a que estudie as alternativas de uso que se poden dar e que comece coa súa rehabilitación para poñer de novo esta dotación en valor”, apunta.