Viaxar pola costa lucense evidencia a vitalidade da comarca, en contraste co interior provincial. De sempre, a costa foi terra de promisión, leira inmensa na que non había que sementar nin sachar senón só recoller unha produción inesgotable, complementada pola froitosa agricultura. No interior, só existía unha agricultura e gandería de subsistencia que o tempo se ocupou de barrer, coa despreocupación dos gobernos que viron como os concellos peor comunicados quedaron sen produción, traballo nin xente.
Deste éxodo beneficiáronse a capital, as grandes localidades, a Costa, e as zonas desenvolvidas do Estado e dos países europeos máis avanzados. O equilibro entre a costa e o interior rachouse, con excepción dos lugares que atraían migrantes e con eles os rapaces en idade de estudiar, mentres os maiores foron morrendo, pechándose milleiros de casas, despoboándose centos de aldeas.
Agora, periga medio milleiro de postos de traballo directos, e moitos máis indirectos, co posible peche de Alcoa e os afectados, en pe de guerra, fanse oír en Galicia e Madrid, e os gobernos galego e nacional preocúpanse por evitar esa catástrofe. Os movementos de loita por manter postos de traballo seguen a ser a mellor forma de dialogar.
O interior nunca tivo quen denunciara a situación que nos foi matando xeograficamente pouco a pouco, e que vai ser moi difícil reparar. Será que os da Costa teñen o sangue mais vivo para defender dereitos e posibilidades? Será que só reaccionamos cando os problemas xorden de repente, e non tomamos conciencia dos que nos van roendo por dentro?. Pode ser que non esteamos feitos da mesma madeira.