A revisión de taxas e bonificacións centra as Ordenanzas Fiscais para o 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, presentaron onte os principais cambios que recollerán as Ordenanzas en 2021. Este documento presenta a conxelación dos impostos e coa suba de tres das taxas municipais. Así, segundo anunciaron as socialistas, estas ordenanzas veñen acompañadas tamén de certas bonificacións. Méndez avanzou que en 2021 se aplicará un 50% de desconto no Imposto de Construcións e Obras (ICIO) e tamén nas cargas pola prestación de Servizos Urbanísticos para todas aquelas rehabilitacións e novas intervencións que se executen na área de influencia do Camiño, tanto na zona rural como no treito urbano.

Outra das bonificacións será para aqueles veciños que decidan utilizar sistemas para o aprobeitamento térmico e eléctrico da enerxía solar para autoconsumo na vivenda habitual. Así, o Concello aplicará unha rebaixa do 50% do IBI durante tres anos nestes casos. A rexedora lembrou que as taxas e impostos supoñen o 60% dos ingresos municipais que, xa este ano, diminuirán debido ás medidas adoptadas ante a crise do Coronavirus como, por exemplo, a exención do pago por ocupación das terrazas ou dos alugueiros nos viveiros empresariais.

Pola súa parte, a concelleira de Gobernanza, apuntou que o proxecto das Ordenanzas, no que os técnicos de Facenda Local levan meses traballando co máximo rigor, incluíu a modernización dun total de 8 tributos, que recollen variacións de distinto tipo, algunhas delas para mellorar a redacción e lexibilidade dos textos ou para axustalas ao actual marco normativo.

É o caso da taxa pola prestación do servizo nas Escolas Infantís que inclúe a gratuidade da atención educativa para segundos fillos e sucesivos, alén de incorporar pequenas variacións sobre os períodos de pago, baixas, vacacións ou ausencias.

No tocante aos impostos, o documento municipal presenta a conxelación dos gravames principais, igual que as taxas a excepción de tres nas que “foi preciso actualizar prezos para cubrir os custos dos servizos”. Porén, Paula Alvarellos destacou como principal novidade para este 2021 a revisión das contías dalgúns gravames locais, que se aplica amparada nas demandas de varios colectivos da capital, entre eles o da construción, que solicitaran, mesmo por vía xudicial, a realización dun estudo de custos.

Así, as tres taxas que se revisan á alza serán a das cargas relativas ao aproveitamento especial e a ocupación da vía pública, que contará cunha suba baseada nos valores catastrais e que se traduce nun aumento en torno ao 10%. A titular da área económica incidiu tamén en que as exencións e bonificacións destas taxas se manteñen.

Alvarellos Fondo indicou que, pola súa banda, nos aproveitamentos especiais por Entradas de Vehículos e Reservas da Vía Pública procedeuse a realizar unha unificación de categorías co fin de simplificar a súa tramitación administrativa. Isto quere dicir que se iguala o gravame en toda a cidade o que implicará unha pequena variación de 3 euros, que, segundo indican “permitirá gañar axilidade á hora de cursar os recibos e suporá avanzar nunha maior equidade fiscal”.

Baixo esa mesma premisa, Paula Alvarellos adiantou asemade que o seu equipo técnico contempla nun horizonte próximo a revisión do rueiro en prol de adaptar a súa catalogación ao crecemento do concello e á súa realidade social. A responsable de Gobernanza deu conta de que outro dos gravames que se puxo ao día, tanto na nomenclatura dos equipos como no valor da hora, hora extra e hora festiva foi o Servizo de Prevención e Extinción de Incendios que igualmente se atopaba moi desfasado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com