A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos de prisión e a outros cinco anos de liberdade vixiada ao adestrador dun equipo de fútbol sala de 60 anos por abusar sexualmente e de forma continuada dunha das xogadoras, de 15 anos. Ademais, impúxolle a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante seis anos, así como a inhabilitación para calquera profesión ou oficio que conleve contacto regular e directo con menores durante cinco anos.
O tribunal considera acreditado que o acusado iniciou un achegamento sexual cara á menor en xullo de 2015, “prevalecéndose da súa superioridade, ao ser adestrador e referente masculino da menor”. O condenado continuou cos abusos, que levaba a cabo no seu vehículo e en lugares de pouca luz e escaso tránsito, polo menos ata xaneiro de 2017, segundo a sentenza.