Xornada de Pleno da Deputación de Lugo na que o Goberno impulsou unha moción para instar á xhttp://xunta.gal e, nominativamente ao seu presidente, a cambiar a xestión da pandemia e dar “información real” aos alcaldes sobre a evolución dos contaxios nas súas localidades e e unha liña de diálogo e colaboración permanente cos rexedores e coa propia institución provincial para combater a Covid-19.
A voceira socialista salientou que dita interlocución ten que ter en conta á FEGAMP, xunto cos rexedores e rexedoras das 7 grandes cidades, os presidentes das deputacións e os rexedores dos municipios afectados para consensuar liñas de actuación efectivas. Así mesmo, acordouse pedir á Xunta que informe diariamente, de forma telemática, aos concellos que teñan positivos por Covid-19 dos datos que lles afectan de xeito claro e transparente.
O Goberno Provincial denunciou que desde setembro “os alcaldes galegos veñen reclamando á Xunta información real sobre a evolución da pandemia, isto é, datos numéricos por municipio. A FEMP rexeitou publicamente o mapa de cores -verde, amarelo, laranxa e vermello– ofrecido pola Xunta, porque non permite ós responsables públicos contar coa información que precisan para deseñar as súas medidas. Porque ante a pandemia non valen colorines, fan falta números concretos”.
“Ante a chegada dunha nova ola de contaxios, a Xunta volve de novo á actitude da primavera, de non escoitar ós concellos. Xa o fixo cando o inicio de curso, negándose a asumir o custe das tarefas de desinfección dos colexios e institutos co argumento, xa desmontado polos xuristas, de que eso era parte das tarefas de limpeza. Os concellos galegos están gastando millóns en desinfección, mentres a Xunta segue sen achegar ós concellos parte deses 100 millóns de euros xa recibidos como parte dos fondos de loita contra a Covid”, censurou a voceira provincial.
Esta moción saiu adiante pese aos 11 votos en contra do Partido Popular que alegou que o Goberno Galego si estaba dando estes datos, pero dixo, “hai que querer acceder a eles”.
Outros debates
Outro dos puntos do día e no que, esta vez si, o goberno conseguiu un apoio unánime, foi a petición ao Goberno estatal dun “pulo significativo” nos vindeiros Presupostos Xerais do Estado á autovía A-56, Lugo-Ourense. Unha proposta presentada polo equipo de goberno na que o PP intentou engadir unha emenda para que, nesta liña, se lle pida ao Estado tamén o impulso das outras autovías que pasan pola provincia, a A-54 Lugo-Santiago e a A-74 pola costa lucense. Os partidos no goberno rexeitaron esta emenda, debatida entre os voceiros de BNG, PSOE e PP, nun receso autorizado polo Presidente do Executivo. Con todo, o PP deu o seu apoio conseguindo así a unanimidade.
O voceiro do Grupo Provincial do PP, Javier Castiñeira, lamentaba, neste senso, que “mentres o PP defende que o Goberno axilice as autovías
proxectadas na provincia, o goberno provincial mire para outro lado”. Así o manifestou o popular amosando a súa sorpresa e preocupación ante a actitude do PSOE nun dos puntos que consideran máis importantes do pleno provincial deste martes porque “o PSOE rexeitou incluír a emenda do Grupo Popular coa que melloraba a proposta do Goberno para dar un pulo á A-56 Lugo-Ourense; xa que propoñiamos avanzar tamén nas outras dúas autovías proxectadas na provincia, a A-74 (Barreiros-San Cibrao) e a A-54 Lugo-Santiago) para “dar seguridade a toda a provincia”.