Pan Galego, Indicación Xeográfica Protexida

Pode haber algo máis rico que o pan recén feito? Ese recendo unido á codia e o miolo no seu punto exacto non se poden comparar a outro sabor. E se hai un pan que gañe ao resto, ese é o Pan Galego; que, dende hoxe, conta con Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a xornada de presentación da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, un novo selo que distinguirá a calidade das panaderías tradicionais galegas. O delegado territorial, Javier Arias, asistiu ao acto no que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) -dependente da Consellería do Medio Rural- explicou a regulación, detallando aspectos como os requisitos e os pasos necesarios para acadar a certificación. O obxectivo é promover a adhesión de produtores de trigo, muíños e panaderías, unha vez quedou constituído o consello regulador da nova IXP.

Na xornada participaron, entre outros, a directora da Cátedra do pan e do cereal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángeles Romero, e Guadalupe Gómez, presidenta do Consello Regulador do Pan Galego e representante, xunto con César Manuel Fieiras, da Federación Galega de Panaderías (Fegapan), entidade que promoveu a constitución da IXP.

Este selo de calidade ampara, dende hoxe,  ao pan tradicional elaborado de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos. A súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade de auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

Así mesmo, a normativa desta IXP establece os diferentes formatos tradicionais que se admiten, como o bolo ou fogaza, a rosca, a bola ou torta e a barra, así como os rangos de pesos que poden ter as pezas. A maiores define as características da codia e da miga, así como o aroma e o sabor do produto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com