A Policía Local vén de dar conta dos diferentes controis realizados na fin de semana, en relación as normas establecidas pola xunta para a contención do coronavirus. Así, na tarde do pasado sábado, efectivos da Policía de Barrio detectaron a un grupo de catro mozos que estaban a facer botellón no vial de acceso á residencia de maiores da avenida Infanta Elena.
Á denuncia por infrinxir a normativa da Consellería de Sanidade que prohíbe a celebración dos botellóns, uniuse, tras identificar aos participantes, outra pola infracción ao Decreto de Presidencia da Xunta que limita as reunións a grupos de persoas conviventes.
Asemade, a Policía Local denunciou a outras dúas persoas que estaban en espazos públicos sen utilizar as máscaras de protección e en compañía de non conviventes, así como outras dúas por fumar en espazos públicos sen gardar a distancia de seguridade estipulada pola Lei de Saúde de Galicia.
Nos diferentes filtros de seguridade establecidos durante a fin de semana para o control das medidas impostas de limitación de entrada e saída do municipio de Lugo e de circulación entre as 23.00 e as 6.00 horas, entre outras, axentes da Policía Local detectaron un condutor nunha das vías da zona sur da cidade, que foi sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado positivo, o que supón unha sanción de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.
Por último, a noite do 31 de outubro, unha inspección a un establecemento de lecer nocturno da rúa Tui rematou co levantamento dun acta de denuncia por facer uso dun equipo de reprodución musical o que, dende o 2 de outubro, supón unha infracción ao Decreto da Concellería de Urbanismo que permite a este tipo de locais desenvolver actividades hostaleiras pero tamén a prohibición do uso de equipos de música ou de pistas de baile.