A gran maioría dos casos de covid19 detectados nas últimas xornadas son causa das reunións familiares. Así o constatou Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo que explicou que a situación da cidade continúa “sendo preocupante”. Tras unha semana na que non deixaron de aumentar o número de casos, chegou unha fin de semana na que “o comportamento foi igual, cun incremento importante”, segundo destacou Ares.
O elevado número de casos positivos detectados durante a fin de semana, “todos contactos de casos xa existentes”, afecta tamén á presión asistencial “que aunque está estable se incrementou en Monforte (con sete pacientes covid ingresados) e Burela (catro pacientes covid hospitalizados)”. Unha presión que, segundo indica Ares, está estable pero “preocupa” xa que “repercute na hospitalización estándar”.
A área sanitaria xa está “preparada para asumir esta carga asistencial”, pero, con todo, Ares resaltou a importancia de manter as medidas de vixilancia e seguridade tamén nas reunións familiares xa que, segundo destacou, nos últimos casos detectados, “as cadenas de transmisión prodúcense no ámbito familiar”.