A pandemia do Coronavirus non só trae consigo a crise sanitaria senón que tamén vén acompañada dunha crise social e económica sen precedentes no tan chamado “estado de benestar”. Con todo, as administracións intentan ofrecer certas axudas á cidadanía para poder paliar, na medida do posible, as necesidades básicas.
Así, o servizo de Xantar no Fogar que ofrece o Concello de Lugo a persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas vén de duplicar o número de usuarios a causa da pandemia. Un servizo que presta a empresa Alimentación Saudable que, cada mañá, prepara os pratos de todos os comensais baseados nas indicacións sanitarias do historial clínico de cada usuario.
A titular da área de Benestar, Olga López Racamonde, informou hoxe de que, dende o mes de marzo, o número de persoas que fan uso deste servizo aumentou ata as 121. Esta cifra supuxo un aumento nos menús realizados. Mentres que en todo 2019 a empresa elaborou 18.944 xantares, no contabilizado ata setembro de 2020 rexistráronse preto de 22.000 menús entregados.
A maioría dos usuarios, en torno ao 60%, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas e ás que, logo do confinamento obrigado que impuxo o Estado de Alarma, a permanencia do COVID as mantén nun illamento aconsellable ante o risco de contaxio.
A área de Benestar tivo que duplicar en setembro a partida económica asignada a esta prestación, pasando dos 80.000 euros aos 160.000 euros. Un orzamento que mesmo se complementa con outras axudas, a través da emerxencia social, que cobren incluso a adquisición dos propios electrodomésticos para quentar a comida.
“Unha atención integral, coa que pretendemos atender todas as necesidades asistenciais das e dos nosos maiores, mellorando o seu coidado e calidade de vida pero contribuíndo tamén a que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares co fin de que manteñan o seu arraigamento e o contacto coa comunidade veciñal á que pertencen”, subliña López Racamonde.
No Concello de Lugo hai 5.000 persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades que presenten e que inclúe tanto a súa manutención, cunha dieta equilibrada e acorde ao seu estado de saúde, como a axuda para a realización das tarefas domésticas, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social.