A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia un déficit das vacinas contra a gripe

A Plataforma Sanitaria da Mariña ven de coñecer que, pese a que as autoridades sanitarias e o Sergas chamaron a unha vacinación antigripal masiva da poboación, moitos centros de saúde non dispoñen das doses suficientes para vacinar a todas as persoas que teñen citadas, e mesmo teñen que voltar á casa sen poñer a vacina. “Este feito está a producir malestar e incluso indignación entre os usuarios, pois atópanse con que non hai vacinas suficientes a pesar de que estamos no inicio da campaña de vacinación”, denuncian.

Ao parecer, e segundo información achegada por este colectivo sanitario, o problema radica nas vacinas para menores de 65 anos, un rango de idade no que está a “aumentar moito” a demanda de vacinación”, en resposta, precisamente, á campaña feita polo Goberno galego para evitar solapamentos entre os picos de gripe e os brotes de covid 19 e desconxestionar os centros de saúde e hospitalarios.

“Desde a Plataforma esiximos aos responsables sanitarios que se deixe de culpabilizar e criminalizar, unha vez máis, ao persoal sanitario e doten de todas as doses de vacinas que se precisen nos centros, para asegurar que toda a poboación que o desexe ou precise, sexa vacinada”, reclama a plataforma que recoñece o “inmenso traballo de asistencia, rastrexo e seguimento de casos” que está a realizar o persoal sanitario e administrativo.

E, neste sentido a coordinadora do colectivo , Montse Porteiro manifestou que “as declaracións feitas desde a Consellería de Sanidade culpabilizando e acusando ao persoal de mala xestión son inadmisibles e compre que o Goberno da Xunta asuma as súas responsabilidades e deixe de culpabilizar ao persoal da súa propia incompetencia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com