A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, e o vicesecretario de Participación do PP, Jaime De Olano, expresaron este sábado o “malestar” da formación popular polos Orzamentos do Goberno para a provincia, engadindo que “estamos pagando os pactos do Partido Socialista”.
Neste senso, sinalou que “os ingresos son a costa de subir os impostos” e súmase ás protestas dos autónomos a este respecto. “Os lucenses son os prexudicados destes pactos, que se ven cun Executivo que custa o dobre e lles recortan inversións necesarias e estratéxicas. Son un exemplo de que o PSOE secuestra as institucións ao seu servizo”, remarca.
A dirixente dos populares expresaba así o seu descontento coas contas presentadas polo Executivo de Sánchez, explicando que “sacrifica os proxectos que tiña proxectados”. E é que só contemplan o remate da A-54. Polo que respecta, á da Mariña (A-74), fronte aos 3,6 millóns consignados en 2018, o Goberno actual aplica unha redución do 87 %, ao incluír só 400.000 euros.
“Está comprometida dende hai 20 anos. No Goberno do Partido Popular deixouse todo encamiñado para rematala no menor tempo posible. Con semellante recorte, nin en 2021 nin nos anos vindeiros”, lamentou a popular. Elena Candia fixo especial fincapé nesta infraestrutura, pois a súa parálise contribuirá a que a comarca continúe “esmorecendo”.
Concretamente, A Mariña non chega ao millón de euros e o ministerio de Transición Ecolóxica tan só destina 430.000 euros para actuación nesta zona que xa acusa unha “gran incerteza” debido á situación de Alcoa. Ademais, tampouco se contempla ningunha partida para solucionar os problemas da A-8.
O mesmo acontece coa a A-56, fronte aos 10,8 millóns de 2018; en 2021 só figura unha partida de 450.000 euros; o que supón unha redución do 96%. No caso da A-76, o investimento é dúas veces menor: 100.000 euros en 2021, fronte aos 336.000 de 2018.
Para a popular queda claro que os Orzamentos do vindeiro exercicio “respostan a un pago de favores a outras comunidades que lle deron o apoio a Sánchez para poder gobernar” e que “o papel dos representantes socialistas da provincia en Madrid queda moi limitado”. “Non souberon estar á altura, xa que non foron quen de defender as necesidades de Lugo. Dende logo, os lucenses e a provincia nada lle debemos ao PSOE de Madrid, de Galicia e de Lugo, xa que non só nos quitan, senón que nos suben os impostos”, sentenciou.