A Federación Provincial de Asociacións de Veciños, vese na obrigación de lembrar á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade e a todos os grupos políticos, a súa vella reivindicación de LIBERALIZACION DO APARCADOIRO DO HULA.
Neste ano 2020 no que teoricamente caduca a concesión do Aparcadoiro do Hula neste mes de Novembro, fixemos chegar a través dos medios de comunicación e en escritos enviados por e-mail ao Conselleiro de Sanidade, con datas 11-05-2020 e 17-09-2020, aos grupos políticos con datas 01-07-2020 e 30-09-2020, a nosa demanda para que Lugo goce de plena gratuidade do estacionamento publico do HULA (do que lembramos que os terreos onde se sitúa o Hospital doounos o pobo de Lugo ao Sergas para a construción do Hospital (mentres para outros hospitais da Autonomía tivo que compralos o Sergas), polo que moralmente non cabe pagar por un estacionamento que nós a través do noso concello doamos. Co engadido que as tarifas aplicadas polo SERGAS, son máis caras na primeira hora e media comparadas cos Hospitais de Vigo e Ourense e o mesmo esta ocorrendo cos bonos por días, pero máis incrible é que a xestión en moitos casos é realizada pola mesma empresa ALJAMIL. Por iso lembramos, que non queremos prórroga da concesión nin nova licitación, xa que non admitimos continuar sendo estafados nas nosas expectativas. Algo no que deberán involucrarse claramente todos os políticos con representación por Lugo, sexa cal for a súa cor.
A Xunta parece estar a recoñecer como data de finalización do contrato no canto do 5 de Novembro data de adxudicación, o mes de Xaneiro de 2021. Repetimos, tomen a data que se considere legal, pero sen un día máis de concesión. Se o plan liberalizador cúmprese, a Federación Provincial de Asociacións de veciños xa se comprometeu por activa e por pasiva ao mantemento das zonas verdes do Hula de forma gratuíta.
E expondo que, se dalgunha maneira debe contribuírse aos custos de mantemento, só admitimos a súa xestión por parte dun ente social que preste servizo a enfermos ou minusvalías en Lugo e con custo real do servizo, sen xerar ningún tipo de beneficio, pero mantendo gratuidade total para un acompañante e total os festivos ou fins de semana. Lembramos tamén que o Concello de Lugo solicitou en varias ocasións a gratuidade do aparcadoiro, incluída esta etapa de Coronavirus.
Lugo ao 5 de outubro de 2020.
Comisión Executiva da Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo.