O Grupo Municipal Popular criticaba esta mañá os “paos de cego” do Goberno local en materia de Turismo, logo de saber que o Concello gastou 15.000 euros para que Lugo fose saída da décimo cuarta etapa da Volta Ciclista a España pero non conseguiu a difusión esperada. O edil popular, Oscar Poy explicou que, pese a que a repercusión económica na cidade foi boa, a imaxe de Lugo non tivo difusión algunha xa que “non apareceu nas reportaxes emitidos por Televisión Española ningunha imaxe da cidade nin dos ciclistas circulando xunto a Muralla”.
Neste senso, incide o concelleiro popular en que o goberno local segue a deixar pasar grandes oportunidades para a promoción turística de Lugo xa que se desaproveito de forma clamorosa o feito de que a Volta é unha das tres grandes e ten unha repercusión mundial.
Unha situación que segue a repetirse, xa que a difusión do patrimonio cultural do Concello “é nula”, xa que nin se promocionan os museos e hai uns días vimos como o goberno local devolveu unha subvención de 43.000€ para a promoción da Muralla por non querer investir 37.000€. “O goberno local segue a tropezar nas mesmas pedras e non aprenden dos erros, semella que cada vez imos a peor e rexeitan a promoción da cidade para centrarse na súa promoción propia”, explicou.
Para o concelleiro popular a situación foi tan esperpéntica que Lara Méndez declinou participar nos actos previos á saída da etapa, como a corta de cinta protocolaria, polo que optou por enviar no seu lugar ao concelleiro de Deportes, que foi o que finalmente se fixo a foto na saída.
Ante esta situación, Óscar Poy afirma que se presentará unha iniciativa para coñecer máis detalles sobre o protocolo de colaboración asinado
entre o Concello de Lugo e a organización da Volta ciclista a España e así obter máis datos sobre a actuación do goberno local.