O Colectivo Egeria non alenta e xa a esta a poñer en marcha un novo proxecto, esta vez en homenaxe ao profesor Manuel Regueiro Tenreiro. Regueiro, que faleceu a mediados do ano 2019, despois de promover a homenaxe que Lugo e os antigos alumnos do profesor Antonio Fraguas e Fraguas lle renderon ao escritor co gallo de serlle dedicado o Día das Letras daquel ano.
A web www.manoloregueiro.gal, creada para este novo evento do colectivo Egeria, recolle un total de 79 intervencións sobre este profesor de filosofía, que constitúen unha visión conxunta da traxectoria vital e da súa obra.
Manuel Regueiro naceu en Perbes-Miño (A Coruña) en 1943, estudou en Compostela e Salamanca, foi profesor de Filosofía en Salamanca, Vilalba e Lugo, e desempeñou durante once anos a Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Precisamente é a Xunta de Galicia, a través do órgano que na actualidade ostenta a función de promoción da lingua galega (Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), quen apoia a publicación desta web na que participan antigos compañeiros de estudos do profesor, profesores de filosofía, lingüistas, antigos compañeiros na súa etapa da Xunta de Galicia, así como amigos moi próximos e os membros máis directos da súa familia. A web ten carácter aberto, coa posibilidade de incrementar os seus contidos con novas achegas de colaboradores, así como as obras publicadas polo profesor homenaxeado no decurso da súa frutífera vida. Cos mesmos contidos que na web se difunden, proximamente hase publicar un libro que será presentado publicamente en Lugo, Miño, Santiago, Salamanca e Madrid.