O PP chama ao Goberno local a “tomar conciencia”da situación que teñen as zonas verdes da cidade

O edil do PP no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, facía hoxe un chamamento ao goberno local para “tomar conciencia” da situación que teñen as zonas verdes da cidade. Nas palabras dos populares, estes espazos “fundamentais” para os lucenses están “totalmente abandonados”. Así, o PP incide na necesidade de prestar atención a estas zonas nas que se pode pasear respectando as distancias de seguridade.

Antonio Ameijide incide na necesidade de prestar atención ás zonas verdes de Lugo, algo que o Partido Popular leva demandado moitos anos. “Agora é un dos momentos nos que se ve como as demandas que realizamos dende o Grupo Popular se ven fundamentadas. Os lucenses necesitan agora espazos verdes en perfectas condicións para pasear con total seguridade”, explicou.

Ante esta situación, o vicevoceiro popular realizou un chequeo das principais zonas verdes de Lugo para comprobar as eivas que presenta
cada zona. Unha das zonas verdes de Lugo por excelencia e que precisa, segundo as conclusións sacadas polos populares, dunha “intervención inmediata” é o Paseo do Rato. “É unha zona propiedade da Deputación de Lugo, pero que nos últimos anos sufriu un abandono considerable, xa que os sendeiros, inicialmente de 2 metros de ancho, viron como a vexetación os invadiu pouco a pouco, debido a unha falta total de mantemento, chegando a reducirse nalgúns treitos a só 60 centímetros. A isto hai que engadir os numerosos baches e as fendas producidas polas enchentes de auga no río Rato, ademais dos danos nos muros de contención que non se amañaron”, describe Ameijide.

A outra gran zona verde da cidade, neste caso de titularidade municipal, e que amosa outra gran falta de mantemento para os populares, é o Paseo do Miño. “As zonas destinadas a pasear ou facer deporte están cheas de baches e fendas que dificultan moito o paseo dos usuarios. Unha zona que ten como gran problema a negativa dos diferentes gobernos locais a unir os paseos do Miño e do Rato adquirindo o espazo que separa ambas zonas e que na actualidade é unha gran acumulación de maleza, pero que permitiría a consolidación dun gran parque periurbano que atenda as necesidades recreativas e de ocio da poboación lucense, formando un anel verde que dará continuidade ós sendeiros, instalacións deportivas e de ocio ó aire libre”.

Por úlitmo, entre outras moitas zonas verdes, os populares destacan o Parque de Rosalía. Unha das principais zonas verdes do casco urbano, que conta cun mínimo mantemento, malia a que é moi empregada para pasear e facer deporte. “O goberno local negouse en reiteradas ocasións a facer un inventario de árbores na cidade, documento que serviría para datar a saúde das árbores, algo fundamental neste parque, no que, por desgracia, adoitan caer árbores nos días que hai fortes refachos de vento. Unha zona verde da que se retiraron os bancos para que descansaran os lucenses, o que provoca feísmo e da unha sensación de abandono”, denuncian os populares.

Unha denuncia, esta última á que o Goberno local contestaba horas despois criticando que o PP “con tal de ter protagonismo mediático é capaz de comprometer e danar a imaxe da nosa cidade”. O executivo lembrou como no mes de outubro anunciara que as brigadas do I Plan de Intervención Socio-LAboral Muramiñae Rehabilita estaban a traballar en melloras “tanto no parque Rosalía de Castro coma no paseo fluvial do Miño”.

Segundo indican dende a Casa Consistorial, as labores que están a desenvolver as brigadas foron principalmente de xardinería, albanelería, pavimentación e reparación de mobiliario urbano. Asemade, recentemente o Concello levou a cabo a renovación da área de xogos infantís do parque Rosalía de Castro, con 20.000 euros; a mellora da zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño, con 51.000 euros; a posta en marcha dun novo parque infantil na Praza de Bretaña, con 75.000 euros; a substitución do parque da praza da Milagrosa, con 21.000 euros; ou a ampliación dos parques infantís de Campo Castelo e Albeiros, con 114.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com