O alcalde de Burela, Alfredo Llano, valorou positivamente a evolución dos casos de Covid no municipio despois de coñecerse que hoxe baixa do nivel vermello ao laranxa. O rexedor agradece o comportamento exemplar da cidadanía e asegura que se a evolución continúa así para finais de semana solicitará que Burela recupere a actividade económica e deportiva e que se retire o peche perimetral.
O alcalde agradeceu á veciñanza de Burela no seu conxunto o bo comportamento que está a ter “e, loxicamente, isto está traendo consecuencias positivas. Aí están xa estes novos datos, que recuperamos unha fase menor, estamos no nivel laranxa e iso é moi importante”.
Alfredo Llano asegurou que se o Concello continúa a rexistrar un descenso de casos, “solicitarei que se volva ao estado onde estabamos antes, que se manteña, por exemplo o toque de queda, pero recuperar un pouco a actividade socioeconómica, cultural e deportiva”. O rexedor prometía así solicitar un alivio das restriccións impostas polo gobernos do Estado e da Xunta aos concellos en alerta vermella.
“Penso que se segue a situación así, que vemos que a corresponsabilidade está funcionando, estamos todos por evitar que se produzan os contaxios e temos todo o mundo o coidado cos protocolos que agora mesmo todos saben de memoria, creo que imos ben”, asegurou o alcalde que engadiu que “se isto segue así, xa digo que a finais de semana imos ver que é o que ocorre, solicitaríamos que se volva á normalidade, que
siga o toque de queda e que se peche ás once, pero que se volva ir recuperando á actividade socioeconómica. Igual que a hostalería e a restauración tamén temos que recuperar a actividade deportiva, cultural e todo aquilo que serva para mover e normalizar a seguridade sanitaria, pero tamén combinada e ben equilibrada para atender as necesidades socioeconómicas que hai no concello. A apertura perimetral tamén sería unha boa nova para poder desprazarnos e que outros se despracen ao noso concell”.
Para rematar, Llano quixo enviar unha mensaxe de ánimo á xente do municipio para que siga a comportarse “desta maneira modélica”. “Penso que este é un obxectivo común, polo tanto imos intentalo entre todos porque desa forma tamén nos imos beneficiar todos. Así que ánimo Burela, ánimo á Mariña, para ir saíndo disto o antes posible”.