O número de casos activos de Covid-19 continúa a descender na provincia de Lugo situandose en 1.042, unha baixada que se ven consolidando dende a pasada semana. O certo é que malia que o descenso é notable, o último rexistro de infeccións denota un aumento no número de positivos detectados na xornada do domingo. Así, nos datos recabados polo SERGAS ata as 6 da tarde de onte, son 71 as persoas que deron un resultado positivo na PCR. Esto fai tamén que a presión hospitalaria se manteña en cifras moi semellantes as da pasada semana. Nos centros da provincia son un total de 54 as persoas ingresadas, das cales 5 se atopan na Unidade de Coidados Intensivos do HULA.
Malia a baixa incidencia de casos covid con necesidade de ingreso hospitalario na nosa provincia, o HULA recibiu xa ao seu primeiro paciente provinte do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde a presión continúa en aumento; en especial, en casos complicados. Así, fontes médicas inciden en que esta práctica xa sucedeu noutras áreas sanitarias, e que, neste caso, trasladarán preventivamente pacientes que podan chegar a requerir ingreso na UCI, dado que a de Ferrol xa supera a súa capacidade habitual.
Asemade, durante a fin de semana faleceu un home de 93 anos que permanecía ingresado no HULA logo de ser trasladado dende a Residencia para persoas maiores da Fonsagrada. Con el, suman 110 as vidas cobradas polo virus.
En canto ao semáforo de incidencia a sete días. Durante a fin de semana, Chantada abandonou o nivel vermello de alerta, ao que ascendeu a localidade de Sarria. Así, son tres os municipios que continúan en alerta máxima: Lugo, Sarria e Vilalba. En laranxa están Chantada, Guntín e Monforte de Lemos que abandonaba a alerta máxima a pasada semana. No nivel amarelo, ademáis dos concellos que xa estaban a pasada semana na alerta máis baixa, hoxe sitúanse tamén Viveiro e Burela, que a principios da semana pasada estaban en vermello e tamén, Cervo, Cospeito e Rábade, que ata onte estaban en nivel verde, é dicir, sen ningún tipo de alerta.
E por último, unha nota positiva, e é que na nosa provincia son xa 4.275 as persoas curadas.