Semana extraordinaria de estreas en Codex Cinema. Chegan dous dos filmes máis agardados do ano, que máis deron que falar entre a cinefilia mundial. Por un lado, a estrea limitada de Mank de David Fincher, o director de Seven, Zodiac ou A rede social, que regresa cun traballo que xa antes da súa estrea está en todas as apostas para arrasar na próxima edición dos premios Oscar da Academia de Hollywood. E por outro lado Ondina, o filme do alemán Christian Petzold que se presentou na última edición da Berlinale, onde gañou o premio á mellor actriz e tamén o recoñecemento á mellor película segundo a crítica internacional. Este filme vén de ser noticia esta fin de semana xa que recibiu varios nomeamentos para os premios EFA da academia do cinema europeo (entre eles o de mellor película) e tamén gañou o premio a mellor dirección no Festival de Cinema de Sevilla, o máis importante do mundo dedicado ao cinema europeo.
Mank é un proxecto longamente ansiado por Fincher, que xa quería rodar ao final dos anos 90. Baseado nun argumento do seu propio pai, o seu proxenitor non puido ver en vida como o seu fillo dirixía o seu guion, así que o filme queda como unha homenaxe dun fillo ao seu pai. A historia nos sitúa a finais dos anos 30, en Los Ángeles, onde o escritor Herman J. Mankiewicz sobrevive na difícil industria de Hollywood, con todos os intereses políticos e económicos que a moven, mentres escribe o guión da película máis importante de todos os tempos, Cidadán Kane, de Orson Welles. Este mítico filme xerou infinidade de comentarios e polémicas no último medio século, desde a súa estrea en 1941. O filme de Fincher fuxe da nostalxia para ofrecer os puntos escuros dunha industria descontrolada, ademais de ser un retrato de dous homes, Mankiewicz e Welles, tan xeniais como excesivos.
De mitoloxías trata tamén Ondina. A figura das ninfas acuáticas da mitoloxía grega serviu de base a moitos escritores e pensadores, por exemplo para que Hans-Christian Andersen crease a serea que logo explotaría Walt Disney nun filme infantil de grande éxito ou tamén Ingeborg Bachmann. Precisamente a obra da poeta austríaca foi a inspiración principal de Christian Petzold para levar o mito de Ondina ao Berlín actual, na figura dunha muller que traballa como guía turística na capital alemá mentres trata de sobrepoñerse a unha dolorosa e inesperada ruptura amorosa. Petzold amosa as terribles consecuencias do desamor, da dificultade para superar os recordos dunha relación pasada e a pegada que deixan nos seguintes amores. Estamos ante unha película fermosa e delicada, íntima e política, que ademais de ser unha gran historia de amor é unha reflexión sobre a Europa dos nosos tempos. Petzold é un dos cineastas europeos máis importantes das últimas dúas décadas e nos seus filmes sempre rastrexa a influencia na actualidade dos grandes retos do pasado, establecendo unha sólida filmografía con títulos como Bárbara, Phoenix ou En tránsito, que tratan, respectivamente, sobre a división de Alemaña pola guerra fría, a herdanza social e cultural do nazismo e a crise dos refuxiados.
Codex Cinema será a sede do primeiro festival de cinema de mulleres de Lugo
A partir do próximo día 25 de novembro terá lugar nos espazos dos nosos cines a primeira edición de FILMU. Festival Cinema Mulleres, unha iniciativa da Concellería da Xuventude e a xestora cultural NomenKlaturas que busca reivindicar o espazo da muller no mundo do cinema así como denunciar as actitudes discriminatorias e violentas cara a muller que aínda están asentadas na nosa sociedade. A celebración do festival coincide coa conmemoración do día internacional da eliminación da violencia contra a muller. O certame conta cunha excepcional programación que pon en valor a creadoras galegas como Ana Domínguez, Chelo Loureiro, Diana Toucedo ou Paula Cons, así como cineastas activistas de fóra de Galicia como Mabel Lozano, Beatriz Carretero ou Lucrecia Martel, sen esquecerse de todo un referente do cinema feminista como Agnés Varda, protagonista dunha merecida homenaxe. As entradas para todas as proxeccións e os encontros poden adquirirse de forma gratuita na web do festival http://www.filmu.es.