Nestes tempos nos que poucas cousas teñen garantía de continuidade nun futuro sempre difícil de prever, habería que considerar aventureiros aos emprendedores por afrontar actividades nas que arriscan diñeiro, traballo, ilusión e tempo.
Estiven en As Nogais, onde me confirmaron o drama que supuxo a construción hai anos da autovía A6, que arredou da capital do concello o numeroso publico que acudía a hoteis, restaurantes, panaderías ou carnicerías, tendo o pobo que reinventarse, e comezar en moitos casos desde cero. E ese mesmo problema afectou a moitos pobos á beira dunha estrada principal que fai desaparecer aos que antes eran clientes.
O Covid19, que chegou abruptamente en marzo, no só atentou contra a nosa saúde, senón contra a economía de moitos sectores, abocando ao peche a moitos negocios e eliminando numerosos postos de traballo. Pechar a hostalería é poñer a proba, xa non a paciencia senón a pervivencia de todo tipo de negocios que se son rendibles funcionando a diario, a inactividade pode facelos morrer.
Maniféstanse os hostaleiros contra a medida, e os que poden e teñen imaxinación reinventan o negocio, pero a inmensa maioría pechou portas e luces sendo viva imaxe da morte económica dun sector e do que nel incide. Non sabemos cal vai ser o futuro dos sectores afectados polo peche. Non sabemos se imos ter un 2021 normal, como non sabemos se a pandemia vai permitir un normal remate deste ano. Na aventura de emprender, inciden agora tan especiais factores que fan aos pequenos empresarios practicantes de deportes de risco e participantes en actividades verdadeiramente perigosas.