Na xa longa traxectoria desta anual celebración da sétima arte, e polo tanto da ilusión da arte e dos que dela desfrutan, temos pasado os avatares máis diversos, case todos de índole económica, que fomos superando con entusiasmo, con esforzo, con unión. Pero este ano abateuse sobre toda a sociedade un inimigo diferente e implacable que nos fixo cavilar, recapitular, sobre moitas cuestións que a diario nos afectan.
A conclusión á que chegamos foi que colectivamente somos, temos que ser, capaces de superar todas as vicisitudes, aproveitar as súas ensinanzas, e manter e se é posible incrementar a ilusión que ten que iluminar a nosa vida.
Sen que queiramos darlle máis transcendencia a esta festa que a de ser, por definición, unha festa da ilusión manifestada en todas e cada unha das producións que se difundan, chamamos a todos os lucenses a renovar e incrementar a ilusión de vivir deixándose mergullar no cine, que non sabe de fracasos senón de renaceres, que sabe de dor pero especialmente de esperanza, que sabe de realidades e polo tanto de vida.
Por fin, Semana de Cine 2020 de Lugo! Co natural retraso, unha cita habitual desde 1979. Que sexades iilusionadamente felices, connosco, no CINE.
(Xulio Xiz é Presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizador da Semana de Cine de Lugo).