O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou hoxe que, se é elixido alcalde, impulsará a transparencia municipal como “garantía da igualdade de oportunidades e antídoto da corrupción”, para o que implantará o seu proxecto Transparencia-10.
Dentro deste programa, os populares inclúen medidas como a creación dun Cronómetro de Transparencia que ofreza datos en tempo real dos diferentes procedementos de adxudicación e datas de concesión de licenzas. “Trátase de que os lucenses teñan a maior información que sexa legalmente posible para que poidan coñecer ao máximo en que e en quen se gasta o seu diñeiro público ou canto tardan en realizarse os seus trámites”, explicou Castiñeira, quen apuntou tamén a necesidade de crear un Portal de Transparencia Municipal, con información institucional, normativa e económica do Concello.
Paralelamente, e tamén co obxectivo de reforzar a transparencia e a participación, os populares crearán un Rexistro de Empresas de Lugo que lle dea maiores posibilidades de participar nos contratos municipais a todas as firmas privadas de Lugo interesadas en facelo, xa que “aínda que a lei fixa para determinados procedementos un mínimo de tres empresas invitadas, pero non marca máximos”.
Doutra banda, Jaime Castiñeira comprométese a incrementar o número de trámites que se poden realizar a través da web municipal potenciando a administración electrónica e tamén a ampliar as funcións da tarxeta cidadá para que sirva para abonar os impostos municipais e a entrada nas instalacións do Concello.
Dentro deste capítulo para “conseguir que os trámites sexan máis doados” tamén se enmarcan outras propostas como a creación de rexistros telemáticos nos centros de convivencia dos barrios, o que permitirá achegar o Concello de Lugo aos residentes nos barrios da periferia; ou a axilización na concesión de licenzas, de xeito que as de obra maior teñan resposta nun prazo máximo de dous meses.