O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Guntín as obras de restauración da antiga cámara agraria para albergar o cuartel da Garda Civil da localidade, executadas polo obradoiro de emprego Ponte de Areas III, promovido polo Concello do Páramo xunto cos do Corgo e Guntín.
O taller, que está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 462.500 euros, iniciou a súa actividade hai un ano e finalizará a mediados de decembro. Arias explicou que por mor da pandemia da covid-19 prorrogouse algo máis de tres meses con respecto á duración prevista, o que obrigou a ampliar o orzamento inicial en 126.100 euros.
En canto ás obras executadas nos demais municipios, no Páramo o proxecto incluíu a rehabilitación da escola de Saa para casa de maiores e a instalación dunha fonte no campo da Capela de Paredes. Pola súa banda, no Corgo urbanizaron os terreos da contorna do Punto de Atención á Infancia (PAI), construíron un alxibe para previr incendios no lugar do Hospital e recuperaron a antiga escola de Chavín, na parroquia de Fonteita.