A Conta Xeral do 2019 presentada polo goberno municipal certifica que o Concello de Lugo executou nese ano o 90% do investimento comprometido polo goberno durante ese exercicio. A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, ofrecía un pequeno adianto do balance económico que o vindeiro luns trasladará ao conxunto da Corporación durante a celebración da Comisión de Contas convocada ao efecto.
Na súa exposición, a concelleira referiu que en 2019 a institución efectivizou o pago de 78’4 millóns de euros dos preto de 87 millóns que se adxudicaron. En palabras da edil, os cartos serviron para facer fronte ao pagamento dos bens e servizos nos que se sustentan todas as prestacións municipais como o abastecemento de auga, a recollida de lixo ou axudas de alugueiro e emerxencia social entre outras cousas e ademáis dos custes de persoal e os proxectos licitados.
Lembran tamén que nese ano, no 2019, os orzamentos municipais estaban prorrogados e carecían dun capítulo de investimentos reais enfocados a esa anualidade. Así é todo, e segundo asegura a edil de gobernanza, o Concello realizou un gasto medio por habitante de máis de 795 euros.
A responsable de Gobernanza avanzou igualmente que os indicadores económicos que reflicte a Conta Xeral ratifican a suficiencia financeira do Concello e nomeou variables como a solvencia a curto prazo, que se sitúa no 447’90% ou a liquidez inmediata, calculada no 225’15%. “Isto propiciou tamén que durante 2019 puidéramos rebaixar o Período Medio de Pago a Provedores até os 10’4 días de media, cando a marxe legal son 30, reducíndoa practicamente a un terzo”, engadiu.
Xa por último, a edil fixo mención ao capítulo de ingresos, sinalando que o 2019 arroxou un saldo de 89.114.300’19€ en dereitos recoñecidos, que se axustou nun 97’82% á estimación inicial prevista. “Inclúense nestas partidas os impostos directos e indirectos e tamén as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes ou os ingresos patrimoniais. De todos eles, só o 16% quedou pendente de cobro a 31 de decembro”, abondou.
Paula Alvarellos facilitou tamén as cifras dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais como pode ser o IBI (21.608.342’26 €) ou a Rodaxe (5.861.865’33 €), que supoñen o 24’7% e o 6’71%, respectivamente, dos ingresos totais e tamén a máis simbólica como é o gravame dos quioscos que ascendeu a 220’60€. “En definitiva – rematou a concelleira de Gobernanza – trátase dunha Conta Xeral que, unha vez máis, pon de manifesto que o Concello de Lugo é unha administración solvente, saneada, que amosa un balance positivo e que ademais traballa e se esforza cada ano, para mellorar os indicadores económicos que así nos definen”.
Alvarellos Fondo aproveitou para enxalzar o labor das e dos técnicos municipais da área Económica que, “sen desatender o resto de tarefas ordinarias que teñen encomendadas, como é a elaboración desta Conta, presentada en tempo e forma – o que tamén evidencia o seu bo facer – atenderon igualmente ás prioridades determinadas pola alcaldía, nun ano especialmente complexo, no que amosaron un compromiso absoluto co esforzo que neste 2020 fixo a administración para axilizar o pagamento de facturas e dotar de liquidez, en plena pandemia, ao tecido produtivo local”.