Asociación de Veciños de Lugo

A Federación Veciñal reivindica un novo modelo de xestión xeriátrico que mellore a calidade de vida dos maiores

A Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, vén de enviar un comunicado aos medios no que reivindica un novo modelo de xestión dos centros de maiores que mellore a súa calidade de vida. Segundo afirma a federación “foi esta etapa de pandemia da Covid-19 a que, por desgracia nos marcou e destacou unha das nosas responsabilidades máis importantes”.

Asegura a Federación que “é palpable” o “abandono” e “trato indigno” que reciben en moitos casos os maiores “especialmente en aqueles de xestión privada en mans de fondos voitres , onde as persoas maiores son un negocio”. Por iso, reivindican un novo modelo de xestión que quizás requira dunha nova Lei.

A Federación demanda, asemade, que se asegure un trato humano “impecable e con celo extremo” aos nosos maiores que “estuveron toda a súa vida traballando e aportando parte da súa economía ou toda, segundo o caso, para nós”. Neste mesmo senso, e para poder facer efectiva esta realidade, a Federación ve necesarios ratios de persoal cualificado e auxiliar “en contía suficiente, tomada á alza, non a mínimos”.

“Requerimos servizos preferentemente públicos, non concertados nin privatizados, algo que debe de impoñerse como máximo en dous anos, cos orzamentos axeitados, xa que o costo dunha praza concertada ou privada ronda os 2.200 euros mensuais de media, algo que se leva finalmente a totalidade dos aforros do ingresado cunha pensión media de 700 euros, situación esta que esixe a demanda de servizos públicos”, relata no comunicado a Federación que pide tamén “un control sanitario, hixiénico e de menús diarios supervisados por técnicos especializados en sanidade xeriátrica e nutriólogos ou endocrinos”.

Por último, a Federación demanda un “exhaustivo control da medicación prescrita e os seus horarios, que deben de estar reflexados nunha táboa no seu dormitorio” ademais de “actividades diarias segundo a persoa, físicas, neurolóxicas e de entretemento”.

Todo iso, en centros de xestión pública, “non privados, non queremos xestións inadmisibles como as de Domus Vi, ou outras moitas, sen control algún e cun único obxectivo, a rendibilidade económica”. “Neste sentido os equipos de inspección da Conselleria correspondente, deben realizar visitas semanais, sen aviso previo/previo aviso de hora nin de día (algo que debe de ser sancionable se acontece). Estas reivindicacións imos facela chegar á Conselleria de Política Social e de Sanidade, polo que representan dentro da alarma social e posibles incumprimentos, á vez que pedimos información sobre os seus plans inmediatos”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com