Anormalidade

Fálase da “nova normalidade” como se de repente, por mudar hábitos ou xeitos de vivir, nos pechásemos en nós mesmos e nas nosas casas, sen mediar unha revolución ou unha traxedia.

A “nova normalidade” obríganos a ir embozados pola rúa, non achegarnos aos demais, ser abstemios á forza, deixar de ser noctámbulos e coutar os nosos movementos como se unha barreira invisible –como a ideada por Stephen King- nos impedira saír da nosa xeografía habitual. E resulta ser unha normalidade máis triste, escura e perigosamente máis posesiva, afacéndonos á inmovilidade, xa que o corpo tende ao aforro e canto menos nos movemos, menos queremos movernos.

Con arreglo a esta rara normalidade vimos de celebrar en Lugo a XLII Semana de Cine, na que experimentei a estraña situación de respirar cun filtro no libre mundo da sétima arte. E diante desta anormalidade, négome a admitir que esteamos nunha situación mínimamente normal e cáeme a alma aos pés ao ver unha gran superficie de butacas considerada chea con trinta asistentes.

Hai aspectos vitais nos que o tamaño non importa, senón que priman cuestións cualitativas, pero todo se me vai en suspirar por novos tempos que teñen que vir, e nos leven de novo a unha situación onde todo volva ser con arreglo ao que aprendemos que era normal dentro do noso xeito de vivir.

En tanto, vivamos como poidamos esta situación anormal e soñemos, alma, soñemos, que dicía o clásico, en que ten que chegar un momento en que os superviventes volveremos/volverán a unha confortable sensación de normalidade, onde esta singular anormalidade non sexa máis ca un mal recordo ou un mal soño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com