O Partido Popular de Lugo amósase hoxe moi crítico coa decisión do Ministerio de Xustiza de seguir sen poñer data para a posta en funcionamento do novo xulgado do Social de Lugo que sería o cuarto na cidade das murallas. Unha reiterada demanda de numerosos sectores e partidos políticos, que se unen as reivindicacións do sector da xudicatura lucense e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que reclaman unha data real para a creación deste órgano xudicial debida a gran sobrecarga de traballo dos xulgados lucenses.
Dende o Colexio de Avogados amosan a súa frustración porque o Goberno de Pedro Sanchez non publicara no BOE a data de constitución do cuarto Xulgado do Social tendo en conta que xa están listas a dotación e as dependencias nas que se prevé que se sitúe este órganos que consideran como prioritario.
O voceiro popular, Ramón Carballo lembra que xa o ano pasado o Goberno central negara a creación deste xulgado, “malia que os tres xulgados existentes para os asuntos sociais soportaban unha carga superior ás súas posibilidades, concretamente o modulo de entrada ascendeu ao 148%, cunha media de entrada de 1.181 asuntos, incluídos os de execución”.
“Falamos de que os tres xulgados dos social de Lugo están desbordados e nin por esas o Ministerio de Xustiza accede a conceder unha reclamación totalmente lexítima”, sinalou. No seu día xa supuxo un duro revés para o partido xudicial de Lugo, que viu como o Ministerio de Xustiza si que concedía a creación doutros xulgados do Social, como foi o caso de Santiago ou Vigo, pero despois de dar luz verde ao cuarto xulgado do Social, seguen a negalo xa que non poñen data para a entrada en funcionamento desta nova e necesaria sala nos xulgados lucenses.
Carballo explica que a realidade “é moi dura para Lara Méndez e para todo o PSOE lucense, xa que despois de que a propia rexedora se
encargase de anunciar por todas as canles posibles a creación do cuarto xulgado do Social para Lugo, vemos como non hai nada” e que o seu
viaxe a Madrid para “desbloquear a situación unicamente foi unha viaxe turística para gastar dietas a conta do Concello de Lugo”.